logo

Avaliación do Congreso

Dun modo cualitativo xa se pode afirmar que o grao de cumprimento dos obxectivos foi bo, pois durante o Congreso forxáronse importantes vínculos e interconexións que permitiron establecer ou reforzar lazos de cooperación.

A celebración do encontro foi un fito histórico, pois é a primeira vez na Historia que representantes da sociedade civil e gobernos de todos os países lusófonos logran reunirse para abordar o tema da Educación Ambiental.

Diversos departamentos do goberno galego identificaron contrapartes e efectuaron os primeiros contactos con distintas autoridades de Cabo Verde para o futuro desenvolvemento de iniciativas de cooperación internacional con medidas de formación e capacitación técnica para a industria turística e o desenvolvemento da ordenación de espazos protexidos en Cabo Verde e San Tomé e Príncipe.

Membros dos gobernos dos países integrados na CPLP – Comunidade de Países de Lingua Portuguesa - desenvolveron durante o encontro algunhas medidas do seu Programa Internacional de Educación Ambiental que comezará proximamente.

De igual xeito, o evento serviu para fortalecer a Rede Lusófona de Educación Ambiental e a expansión da asociación internacional de investigadores en Educación Ambiental “NEREA-Investiga”.

O alto número de participantes e traballos presentados significou a creación dun importante marco de intercambio e progreso do coñecemento en Educación Ambiental para os educadores ambientais participantes e para as institucións públicas e académicas con competencias na materia.

A proxección mediática en Galicia foi ampla, cun importante impacto nos medios de comunicación (prensa, radio e televisión) co que a transcendencia pública do Congreso e os obxectivos da educación ambiental para a cooperación que nel se traballaban foi importante. Igualmente medios acreditados doutros países cubriron o evento e divulgaron o seu desenvolvemento e resultados nos seus respectivos territorios.


Gráfico avaliacións


organizadores_promotores http://www.xunta.es http://www.aeci.es http://www.ceida.org http://www.udc.es http://www.usc.es